O novo Meizu Pro 6 xa é oficial

As filtracións xa nos tiñan amosado practicamente todo do Meizu Pro 6, mais hoxe vén de se facer oficial. O novo dispositivo dun dos fabricantes chineses que máis están a medrar nos últimos tempos chega con todo que podemos desexar dun dispositivo de alta gama, como os acabados metálicos ou o lector de pegadas dixitais para realizar pagamentos móbiles.

O trebello incorpora unha pantalla Super AMOLED de 5,2 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1080 píxeles) e unha densidade de 423 píxeles por polgadas. Ten unha lixeira curvatura 2.5D e como principal punto diferenciador está o nível inferior de brillo que admite, 3 nits, pensando en poder empregalo en ambientes moi escuros sen que resulte molesto á nosa vista. Porén, tamén é digno de mención que este panel é sensíbel a diferentes níveis de presión, unha tecnoloxía que cada vez é máis habitual nos dispositivos móbiles.

No seu interior leva o procesador MediaTek MT6797T Helio X25 de dez núcleos (que funcionan a 2 e 2,5 GHz), acompañado de 3 ou 4 GB de RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, segundo versións. A cámara principal é un sensor Sony IMX230 de 21 megapíxeles, cun flash de 10 LEDs distribuídos en círculo arredor da cámara e autoenfoque láser, mentres que a cámara frontal fica nos 5 megapíxeles.

meizu pro 6 - 2

Ademais do xa comentado lector de pegadas dixitais, o novo Meizu Pro 6 tamén vén con USB-Tipo C con USB 3.1, que admite transferencias de até 5 Gbps. A batería é de 2560 mAh con sistema de carga rápida e o sistema operativo é Android 6.0 – Marshmallow.

Falando de deseño e acabado cómpre sinalar que a marca escolleu o metal como material principal neste dispositivo que tamén  chama a atención polas súas dimensións, cun grosor de apenas 7,25 mm e 160 gramos de peso.

O Meizu pro 6 estará dispoñíbel en tres cores (dourado, negro e prata), aínda que polo de agora non sabemos a que prezos.

Sobre o autor

Reply