ZTE anuncia o ZTE Nubia Z11 Mini

ZTE está de estrea. O fabricante chinés vén de anunciar novo terminal, o ZTE Nubia Z11 Mini, un dispositivo que malia o seu apelido, Mini, conta cunhas especificacións bastante interesantes, e superiores ao que estamos adoitadas a atopar no rango de prezos nos que se move.

O novo ZTE Nubia Z11 Mini está equipado cunha pantalla IPS LCD de 5 polgadas, cunha resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles, 441 ppp), e no seu interior alberta un procesador firmado por Qualcomm, concretamente o modelo Snapdragon 617, de oito núcleos, xunto con 3 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de 200 GB.

Para a cámara traseira ZTE apostou por Sony e o seu sensor Sony IMX298, de 16 megapíxeles, mentres que no caso da frontal atopámonos cun sensor de 8 megapíxeles. A batería fica nos 2800 mAh de capacidade, e na parte traseira do dispostivo atopamos o lector de pegadas dixitais. Non lle falta tampouco conectividade LTE-4G e, como é habitual nos trebellos chineses, espazo para dúas tarxetas SIM.

zte nubia z11 mini - 2

En canto a deseño, estamos ante un terminal con corpo unibody  e unhas medidas de 141,9 x 70,4 x 8 milímetros, e un peso de apenas 138 gramos. Os seus acabados son metálicos, acrecentando esa sensación premium que até hai ben pouco estaba restrinxida aos dispositivos de gama alta.

Estará á venda por 230 dólares en tres cores, dourado, negro e branco, e polo de agora non hai información sobre a súa posíbel comercialización no noso país.

Sobre o autor

Reply