Ulefone vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o Ulefone Future, que se suma á cada vez máis crecente listaxe de fabricantes que apostan por un deseño coidado no que practicamente desaparecen os marcos laterais arredor da pantalla, permitindo manter unha ampla pantalla sen termos a sensación de ter nas mans un dispositivo grande.
En cando ás súas características, o trebello incorpora unha pantalla LTPS de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080, 400 píxeles por polgada). No seu interior alberga un procesador MediaTek Helio P10 de oito núcelos, acompañado de 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.
No que ten a ver coas súas cámaras, no caso da principal atopámonos cun sensor de 16 megapíxeles con apertura f/2.0, autoenfoque por detección de fase e flash de dobre ton. Para a frontal elixiron un modelo ISOCELL de 5 megapíxeles. Ambas as dúas están fabricadas por Samsung.
A súa batería é de 3000 mAh e vén con sistema de carga rápida, acadando o 100% da súa capacidade cunha hora de enchufe. Dispón de conectividade LTE, sistema de DualSIM, lector de pegadas dixitas e Android 6.0 Marshmallow. O que non leva é NFC.
O novo Ulefone Future saee á venda hoxe por 200 dólares (uns 170 euros) para as 2000 primeiras unidades. Logo desta cantidade inicial, e por 30.000 unidades até o 25 de maio custará 200 euros. O seu prezo final fóra de calquera promoción será de 230 euros.