Xiaomi vén de anunciar o Xiaomi Mi Max, un dispositivo que fará as delicidas das persoas que lles gustan as pantallas de gran tamaño xa que integra un panel de 6,44 polgadas, estando ao límite co que sería unha tablet propiamente dita.
Ademais do panel de 6,44 polgadas, que ten resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), leva no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 650 / 652 de seis núcelos a 1,8 / 1,4 GHz, con procesador gráfico Adreno 510. A súa memoria RAM é de 3 ou 4 GB e a memoria interna de 32, 64 ou 128 GB.
No apartado multimedia, a cámara principal é de 16 megapíxeles, mentres que no caso do sensor dianteiro o fabricante chinés apostou por un modelo de 5 megapíxeles. A batería é de 4850 mAh e dispón de lector de pegadas dixitais na parte traseira do trebello, dual SIM e porto infravermellos.
Ademais do novo dispositivo, Xiaomi presentou a nova versión da súa capa de personalización. MIUI 8 incorpora varias novidades, as máis relevantesna aplicación de cámara, na que inclúe novos filtros e outras melloras na edición de vídeo.
Tamén se mellora o rendemento xeral do dispositivo, engadindo unha nova opción de aforro de batería a costa de capar a sincronización e desactivar as actualizacións.
O novo Xiaomi Mi Max está dispoñíbel en tres cores (gris, prata e dourado) e tres acabados:
- Snapdragon 650 + 3 GB de RAM + 32 GB de memoria interna
- Snapdragon 652 + 3 GB de RAM + 64 Gb de memoria interna
- Snapdragon 652 + 4 GB de RAM + 128 GB de memoria interna
En canto a prezos, o primeiro chega por uns 200 euros, o segundo por uns 230 e o último por uns 270 €, cantidades moi axustadas para un trebello destas características.