Estes días estivemos xogando a Plusiam, un xogo de mecánica sinxela pero moi adictivo. Cando nos aparece a pantalla numérica, o que temos que facer neste xogo é arrastrar o noso dedo por tres números en liña recta ou en L (non valen diagonais) e conseguir que a suma dos dous primeiros números sexa o terceiro.
Cando atopamos unha combinación gañadora, eses tres números desaparecen e aparecen outros tres, polo que sempre teremos a pantalla chea de números que xuntar. Se o xogo avanza e non hai máis posibilidades, a pantalla refréscase e aparece un lote novo de números.
Para darlle un pouco de emoción, o xogo conta cunha barra de tempo para cada movemento. Unha vez que atopamos unha combinación correcta a barra de tempo volve ao máximo. Non é unha contrareloxo en sentido estrito, pero si mete algo de interese ao xogo.
Se queredes probar Plusiam, podedes descargalo de balde nesta ligazón á Play Store.