Geeksme engade a notificación de chamadas e sms ao seu LifeLoversWatch
Na última actualización para o seu smartwatch, Geeksme engadiu as notificacións para chamadas e mensaxes de texto. Estas notificacións serán tanto visuais coma con vibración, o que é unha boa nova pois aumenta moito as posibilidades deste reloxo. Lembrade que o Life Lovers Watch é compatíbel tanto con Android coma con iOS. Se queredes botarlle un ollo á nosa análise do trebello podedes facelo nesta ligazón.
Xa sabemos a data de presentación do One Plus 3
O novo terminal de One Plus será presentado o vindeiro 15 de xuño e porase á venta ao día seguinte. Unha das novidades que trae este novo terminal é que poderémolo mercar sen convite mentres o stock non se esgote.
Hangouts engade Direct Share
Na actualización 10.0, Hangouts contará cunha interesante novidade, Direct Share. Esta nova funcionalidade permitirá ás usuarias compartir arquivos de xeito sinxelo desde o menú compartir. Grazas a Direct Share xa non precisamos seleccionar primeiro a app e despois o contacto para enviarlle calquera tipo arquivo. Será moito máis rápido e doado.
Xiaomi e Microsoft serán socios
Xiaomi e Microsoft veñen de asinar un acordo polo cal os terminais deste fabricante chinés contarán co paquete ofimático de Microsoft, o Microsoft Office. Desde o mes de setembro, os Xiaomi Mi5, Mi Max e Mi 4S venderanse con Microsoft Word, Excel, PowerPoint, Outlook e mesmo Skype preinstalado.
bq abre as primeiras tendas físicas
A empresa española bq abriu o día 3 de xuño as súas primeiras tendas físicas. Os lugares elixidos foron Madrid e Barcelona, e nestas novas tendas non só poderemos mercar terminais se non que tamén serán centros de reparación express (en 2 horas teremos o terminal reparado), ademáis de servir de centros de divulgación tecnolóxica.
A dúbida que se nos plantexa agora é se estas dúas serán as únicas tendas que abrirá a empresa ou a se bq pensa abrir máis noutras rexións.
Pump Express 3.0 é o novo sistema de carga de MediaTek
Esta semana coñecemos o novo sistema de carga ultrarrápido de MediaTek. denominado Pump Express 3.0. Con este sistema de carga garante un 70% de batería logo de 20 min de conexión á corrente. Este novo sistema é todo un avance nos terminais que conten con procesadores MediaTek.
O Pump Express 3.0 estará dipoñíbel para os terminais que conten co SoC Helio P20 e ademáis será compatíbel co USB Type-C.