Zuk, a empresa filial de Lenovo, vén de anunciar o seu novo dispositivo, o Zuk Z2, que repite estratexia ao ofrecer un dispositivo que combina especificacións avanzadas e un prezo atractivo, ao non superar a barreira dos 250 euros.
O dispositivo, que conta cuns acabados en alumnio e cristal con curvatura 2.5D de dobre cara, incorpora unha pantalla FullHD de 5 polgadas. No seu interior leva o actual procesador de referencia de Qualcomm, o Snapdragon 820, acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna.
A súa cámara frontal é de 13 megapíxeles, cunha apertura de f/2.2, mentres que a frontal fica nos 8 megapíxeles. Dispón dunha batería de 3500 mAh, sensor de pegadas dixitais e conexión USB tipo C.
En canto a software, vén con Android 6.0.1 – Marshmallow, sobre a que ten aplicada a interface Zen UI 2.0. É un dos cambios máis significativos, xa que na versión anterior desta serie a compañía apostara por Cyanogen, baseada en Android.
O novo Zuk Z2 xa está dispoñíbel para reservar en branco ou negro na China por algo menos de 250 euros ao cambio, mais espérase que non tarde moito en abrirse a outros mercados.