Twitter engade resposta rápida
Esta semana soubemos que Twitter vén de incluír para Android N a opción de resposta rápida desde a pantalla de bloqueo dos nosos smartphones. Deste xeito, xa non será preciso desbloquear o terminal e acceder á aplicación para respostar a un tweet.
Polo de agora, os que teñamos unha versión anterior de Android, teremos que agardar, pero de seguro que tamén vai chegar.
FB Messenger engade outro minixogo
Fai algún tempo xa vos falabamos que podíades xogar ao xadrez e mesmo baloncesto, agora é a quenda do fútbol. Para xogar só temos que enviar durante unha conversa un emoji dun balón e logo tocalo. Sinxelo non? Iso sí, para garantir a competitividade o xogo permite compartir a maior puntación acadada e así fomentar o pique entre as nosas amizades.
O Huawei Watch está de rebaixas
Estes días atopamos na Play Store o reloxo intelixente de Huawei, o Huawei Watch cun desconto de 75€, quedando o prezo en 374€ Se estades interesadas nel, pode ser unha boa oportunidade. Bulide!!
Pinterest merca Flesky
Pinterest acaba de mercar Flesky, un teclado multiplataforma caracterizado pola súa velocidade e posibilidade de configuración. Non deixa de sorprender que unha rede social como é Pinterest faga unha inversión destas características pero se cadra queren abrir novas portas e están máis interesadas no capital humano de Flesky ca da propia app. Veremos que acontece no futuro.
Chegou o Bluetooth 5
Esta semana saíu a quinta versión do sistema Bluetooth para conectividade sen fíos. Esta nova versión é o dobre de rápida, ten catro veces máis alcance e mellora até un 800% a capacidade de transferencia de datos respecto da actual versión, a 4.2. Malia todas estas melloras o consumo de enerxía mantense.
Calcúlase que o novo Bluetooth comezará a comercializarse nos terminais que saian a finais de 2016.