Tras anos de comentarios e meses de rumores, a venda de Yoigo xa é unha realidade: Másmóvil vén de alcanzar un principio de acordo con TeliaSonera, matriz de Yoigo, para adquirir o 100% da compañía, unha operación cifrada en 612 millóns de euros coa que pretenden consolidarse como o cuarto operador con rede propia.
Desde o verán pasado, Masmóvil foi realizando compras para acadar ese obxectivo de ser cuarto operador, primeiro facéndose coa rede ancha fixa de Jazztel, antes de que a compañía fose adquirida por Orange, o que lle permiu ofrecer fibra óptica en 720,000 fogares e ADSL en 18 millóns. Por outro lado, o operador amarelo tamén mercou a compañía low cost Pepephone, cos seus 500.000 clientes, aínda que semella que a intención neste tema é mantelo funcionando de modo máis ou menos autónomo (haberá que ver por canto tempo).
A operación supón o final de etapa de Yoigo, que conta con 3,2 millóns de clientes. A compañía supuxo no seu momento unha burbulla de aire fresco fronte aos constantes pactos de prezos dos 3 grandes, achegando prezos baixos (semellantes aos OMV) pero cunha menor depedencia da rede de terceiros.
Haberá que agardar a ver que pasa no futuro máis inmediato co “novo Masmóvil”, ao igual ca co resto de operadores que se foron concentrando arredor dos grandes, mais todo apunta a que máis cedo que tarde chegaremos ao punto de partida, con 3 ou 4 operadores que reparten todo o pastel.