Cada vez fálase menos das tablets, en certa medida porque semella haber un estancamento neste tipo de produtos. Mais hoxe toca falar de Samsung, que vén de anunciar que a súa Galaxy Tab A 2016 xa está á venda no noso país por 279 euros.
O trebello incorpora unha pantalla de 10,1 polgadas tipo TFT WUXGA, con resolución de 1920 x 1200 píxeles. No seu interior leva un procesdor fabricado pola propia Samsung, o Exynos 7870, de 8 núcleos a 1,6 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis noutros 200 GB a través de tarxetas microSD.
A cámara principal é de 8 megapíxeles, con sistema de autoenfoque, e a frontal de 2 megapíxeles. Dispón de 7.300 mAh de batería, conectividade WiFi b/g/n na banda de 2.4 GHz, Bluetooth 4.1 e GPS/GLONASS.
En canto a deseño, ten unhas dimensións de 155,3 x 254,2 x 8,2 mm e pesa 525 gramos. Está fabricada en diferentes tipos de plástico e cos marcos axustados ao tamaño de pantalla, para facilitar que sexa un dispositivo cómo nas mans.
En definitiva, o dispositivo ten unha boa calidade – prezo, o que fai que sexa unha boa alternativa para todas aquelas que busquen un trebello de gama media que dea bos resultados.