Malia que Pokémon Go aínda non está dispoñíbel oficialmente no noso país, hai uns días xa vos comentamos como podedes facer para instalalo e comezar a xogar. Veredes que o máis básico do xogo é cazar os Pokémon, para o que teremos que saír da casa e percorrer o mundo que nos arrodea na súa busca. Facendo isto podemos ter moita sorte e ilos achando de maneira máis ou menos rápida, aínda que outras veces cansaremos de andar co xogo sen que pase nada (menos mal que cando atopamos un esquecemos o mal rato da espera!).
Nun fío de Reddit vén de aparecer un pequeno truco para axilizar o tracking dun Pokémon e, así, poder capturalo antes. Debemos seguir estes pasos:
- Pulsamos a barra de Pokémons próximos e seleccionamos un para seguir. A sombra deste apareceranos na propia barra.
- Cada vez que nos situemos na dirección na que poderemos atopar o Pokémon parpadeará a barra, de maneira que saberemos cara onde temos que dirixirnos.
- Camiñaremos vendo se a barra parpadea, en función de se estamos indo na dirección correcta ou nos despistamos.
- Cando teñamos o Pokémon dentro do radio, pasará a estar visíbel e xa poderemos capturalo.
Como vedes, non se trata dun truco complicado, mais axudaranos a perder menos tempo para ser máis rápidos coas capturas.