Qualcomm vén de anunciar novo procesador, o Snapdragon 821, que se ben non é extremadamente novidoso si que mellora sobre o actual procesador referencial da marca, o Snapdragon 820, que apenas leva uns meses no mercado.
E é que o novo Snapdragon 821 é un 10% máis rápido grazas á suba da velocidade nos núcelos Kyro, que pasan a funcionar a 2,4 GHz (no 820 fano a 2,1 GHz), mantendo a estrutura de fabricación en 14 nm. Conserva tamén o módem X12, compatíbel coas redes LTE de até 600 Mbps, polo de agora dispoñíbeis nun número reducido de países.
Logo deste anuncio por parte de Qualcomm comezarán as quinielas para descubrir que dispositivo referencial será o primeiro que se apunte a este novo modelo de procesador. Todo apunta a que será o Samsung Galaxy Note 7, previsto para comezos de agosto, aínda que tampouco deberíamos descartar algún dos novos Nexus de Google. Vós que pensades?