As alternativas para pagar co móbil multiplícanse co paso das semanas: aplicacións dos nosos bancos (Imaginbank, BBVA, Santander…), operadoras de telefonía (Vodafone Wallet), fabricantes (Samsung Pay, Android Pay….)… A todas elas sumarase a partir de setembro InWallet, a aplicación de pagamentos móbiles que prepara Inditex para as tendas físicas do seu grupo (Zara, Massimo Dutti, Bershka, Pull&Bear…).
A través da futura aplicación InWallet e das propias de cada unha das tendas do grupo por separado, Inditex permitirá pagar as compras sen necesidade de levar a carteira enriba: simplemente teremos que ter introducido previamente os datos das tarxetas de crédito ou débito que queremos empregar.
A diferenza da práctica totalidade dos sistema de pagos móbiles, que fan uso da conectividade NFC, Inditex usará un código QR que se xerará na aplicación no momento de realizar unha compra. Este código escanearase co terminal de cobro que terán nas tendas como método de confirmación da transferencia.
Outra das novidades desta aplicación de pagos é a introdución do ticket de compra dixital, polo que será moito máis doado xestionar os cambios ou devolucións, xa que todos os pagamentos quedarán rexistrados no historial.
Inditex ten previsto implantar este novidoso sistema de pagamento nas súas tendas do Estado español no mes de setembro, para logo levalo a outros países nos que ten presenza. A pregunta é: ten sentido termos unha aplicación de pago por cada gran tenda que usemos?