Xa temos falado en varias ocasións de Opera Mini, a versión máis compacta do popular navegador Opera, que funciona ás mil marabillas nos dispositivos cun hardware mínimo.
A última versión deste navegador vén de engadir unha nova funcionalidade moi interesante, a descarga de vídeos para ver offline. Isto ten como principal intención permitirnos aforrar datos descargando os vídeos cando esteamos na casa a través da WiFi para poder velos despois en mobilidade.
Esta descarga faise de maneira automática cando se intenta reproducir un vídeo desde unha páxina compatíbel, aínda que para iso é preciso ter activado o modo de aforro de datos. Entre as páxinas que admite temos Facebook ou Instagram, mais non YouTube, o cal resulta curioso.
Opera Mini está dispoñíbel gratuitamente para descargar desde a Play Store.