O Samsung Galaxy Note7 xa é oficial. O sexto dispositivo con S-Pen da compañía (pasamos do Note 5 ao Note7 para igualar o percorrido da saga S) vén de ser anunciado, dando a coñecer todos os detalles que faltaban por descubrir dun terminal que xa fora filtrado en varias imaxes hai xa unhas semanas.
Externamente, o Note7 ten un deseño moi semellante ao do Samsung Galaxy S7 Edge, aínda que ollando con algo máis de xeito apreciamos as diferenzas, como o espazo para o lapis S-Pen (un dos principais elementos diferenciadores desta saga) ou as novidades que trae este modelo: o escáner de iris e o conector USB Tipo C. Herda do S7 Edge a curvatura da pantalla, algo menos pronunciada, así como a resistencia á auga segundo os estándares IP68.
Especificacións técnicas
O Galaxy Note7 incorpora unha pantalla SuperAMOLED de 5,7 polgadas e resolución QuadHD (2560 x 1440, 518 ppp), curvada polos dous extremos e con protección Gorilla Glass 5. No seu interior integra un procesador Octa Core (catro a 2,3 GHz e outros catro a 1,6 GHz), con arquitectura de 64 bits e deseñado en 14 nanómetros, que está acompañado de 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna que podemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 256 GB.
No apartado multimedia, a cámara principal é de 12 megapíxeles, con OIS e unha apertura focal f/1.7, mentres que no caso do sensor frontal temos un modelo de 5 megapíxeles, tamén cunha apertura de f/1.7.
Dispón dunha batería de 3500 mAh de capacidade, con carga rápida por cable e tamén sen fíos. Ademais leva Bluetooth 4.2, USB tipo C, NFC e todo tipo de sensores (barómetro, sensor de pegada dixital, xiroscopio, xeomagnético, proximidade…)
Escáner de iris
Con todo, a gran novidade hardware que estrea este modelo é o escáner de iris, co que inauguramos un novo método de recoñecemento biométrico que se suma ao xa universal lector de pegadas dixitais.
Isto ten unha clara vantaxe de cara a temas de seguridade, xa non só pola facilidade para desbloquar o teléfono con tan só unha mirada, senón tamén de cara a facilitar os pagamentos móbiles que está a popularizar Samsung.
S-Pen mellorado
Unha característica da saga Note é a presenza do lapis S-Pen, que xa hai moitos anos que deixou de ser un stylus para abrir todo un abano de posibilidades. As sucesivas versións do terminal foron estreando tamén versións melloradas do S-Pen, e no Note7 esta evolución faise aínda máis notoria.
O máis chamativo é que as usuarias podemos tomar notas sen necesidade de desbloquear a pantalla usando a función Nota con Pantalla Apagada e fixando as anotacións no Always On Display. Ademais admite a posibilidade de crear e compartir animacións GIF e mesmo escribir coa pantalla mollada.
Gear VR 2016
Por outra banda, Samsung deu a coñecer un novo modelo dos seus lentes de realidade aumentada, as Gear VR 2016. O seu deseño cambia lixeiramente sobre o modelo precedente, tendo unhas dimensións de 207,8 x 122,5 x 98,6 mm e un peso de 345 gramos.
O seu campo de visión é de 101 graos, levan varios sensores (acelerómetro, xiroscopio e proximidade) e dispoñen de porto de conexión USB Tipo C (para o novo Note7) e tamén microUSB para o Galaxy S7, S7 Edge, Note 5, S6, S6 Edge e S6 Edge+)
Dispoñibilidade
O novo Samsung Galaxy Note7 estará dispoñíbel a partir do 2 de setembro en azul coral, prata e negro ónix, pero poderase facer a precompra desde o 16 de agosto. Quen aposte polas tendas online ou a web de Samsung recibirá como regalo as novas Gear VR 2016.