Media Markt estrea na Coruña e Vigo a entrega a domicilio en 2 horas

Media Markt vén de anunciar que amplía a 19 as cidades nas que funciona o seu servizo de entrega a domicilio en menos de dúas horas, chegando por fin a 2 das 3 tendas que a cadea de electrónica e electrodomésticos ten en Galiza, nomeadamente aos Media Markt da Coruña e Vigo.

Será a partir do día 16 de agosto cando as usuarias que realicen compras a través da web de Media Markt, ou nas nomeadas tendas físicas, terán a posibilidade de seleccionar a entrega nun máximo de dúas horas ou na franxa horaria que se desexe dentro do horario de operación, previsto de luns a sábado entre as 9.30 e as 22.30 horas.

O servizo non estará dispoñíbel para o 100% dos produtos, aínda que si para unha boa cantidade deles, incluíndo electrodomésticos, móbiles, ordenadores… O custe do mesmo parte dos 7,90 €.

Ademais deste servizo de entrega inmediata a domicilio, que nos lembra ao que recentemente estreou Amazon en Madrid, Media Markt permite facer compras online e recoller o pedido en tenda en 2 horas, e de forma totalmente gratuíta, en calquera dos 78 establecementos que ten por todo o territorio español, incluíndo a tenda de Ferrol, que de momento queda fóra do novo servizo de entrega inmediata.

Media Markt xa ofrecía este servizo de entrega inmediata en Madrid e Barcelona, e agora vén de ser ampliado a outras 17 cidades. Ademais da Coruña e Vigo tamén funcionará en Valencia, Bilbao, Sevilla, Málaga, Alicante, Zaragoza, Palma de Mallorca, Murcia, Granada, Córdoba, Valladolid, Vitoria, Santander, Oviedo e Gavá.

Sobre o autor

Reply