O LG V20 chegará en setembro con Android 7.0 Nougat

Se hai unha compañía á que lle custa manter en segredo os plans relativos a terminais, esa é LG. O fabricante surcoreano prepara a volta ao cole cun terminal de altura, o LG V20, que será anunciado o 7 de setembro en Seúl. Trátase do segundo modelo dunha liña de dispositivos de gama alta, alternativa á “serie G”, que xa vai polo quinto membro co LG G5.

O V20 que prepara LG incorpora unha pantalla IPS de 5,5 polgadas con resolución FullHD. No seu interior terá un procesador Qualcomm Snapdragon 820, acompañado de 3 ou 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 256 GB.

A cámara principal é de 20 megapíxeles, e a frontal de 8 Mpx. Dispón dunha batería de 4000 mAh (imaxinamos que con funcións de carga rápida), USB Tipo C e, como sistema operativo, será o primeiro dispositivo non-Nexus en saír ao mercado con Android 7.0 Nougat.

Descoñécese se o LG V20 virá con dobre pantalla frontal como o seu predecesor, un feito que serviu para marcar diferenzas, e que podería ser unha baza para marcar distancias co Samsung Galaxy Note7, o seu principal competidor.

Serán quen de estar á altura?

Sobre o autor

Reply