Analizamos o LG G5, o móbil modular de LG

LG apostou forte co LG G5, un dispositivo que hoxe traemos para analizar. O fabricante surcoreano quixo marcar un antes e un despois no seu terminal referencial introducindo o concepto de modularidade, que se ben non está a funcionar comercialmente na maneira que desexarían, non quita que sexa unha das mellores opcións que nos atopamos no mercado actualmente.

Deseño, acabado e conexións

Malia que a grandes rasgos a curvatura xeral do trebello lembre que estamos ante un modelo de LG, o G5 rompe moldes coa continuidade e os cambios sobre os modelos anteriores son máis ca evidentes. O principal atopámolo na inclusión dos botóns de subir e baixar volume, que deixan de estar na parte traseira do terminal, onde estaban desde o LG G2, para pasar ao lateral esquerdo.

lg g5 - 2

Non acontece o mesmo co botón de acendido, que perdura na parte traseira do terminal, servindo ademais como lector de pegadas dixitais. Xunto a el, a cámara de dobre sensor, co seu flash LED e láser para o enfoque. Na parte superior temos o jack de 3.5 mm e o sensor de infravermellos, e na inferior o porto USB Tipo C, xunto o altofalante principal. A bandexa extraíbel, para a nanoSIM e a microSD, témola no lateral dereito.

lg g5 - 3

As formas redondeadas en todos os bordes do terminal fan que sexa moi suave no tacto, cunha estética unibody e acabados metálicos, deixando atrás o coiro e outras solucións que vimos no LG G4 do ano pasado.

Hardware e rendemento

As especificacións técnicas do LG G5 son as dun modelo de alta gama. Leva un procesador Qualcomm Snapdragon 820, acompañado por 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que podemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 2 TB. Dispón de todo tipo de sensores e conectividade 4G Cat 9, WiFi AC, Blueooth 4.2, NFC, sensor de infravermellos, lector de pegada dixital e USB Tipo C.

Con estas prestacións o dispositivo é capaz de mover todo tipo de aplicacións, desde as máis sinxelas a aquelas máis exixentes, sen ningún tipo de problemas ou relentizacións, tendo un rendemento de dez que sorbrepasou de longo as nosas espectativas iniciais.

Pantalla

Malia a tendencia de moitos fabricante a subir o tamaño de pantalla nos seus buques insignia, incluíndo a LG, desta vez o fabricante sucoreano decidiu apostar por un modelo IPS Quantum Display de 5,3 polgadas, cunha resolución de 2560 x 1444 píxeles (554 ppp). Ten un ratio do 70% respecto a todo o frontal e unha (curiosa) curvatura na parte superior que senta moi ben ao tacto e redondea o trebello.

lg g5 - 5

As cores que consegue son moi vivas, algo no que inflúe moito o uso da tecnoloxía Quantum Display. Tamén ten un brillo que permite empregar o terminal en exteriores sen problema, aínda que neste caso ten certa intensidade que pode resultar algo molesta se estamos moito tempo mirando para ela.

lg g5 - 1

Vén con sistema Always On, co que podemos ter sempre unha zona da pantalla acesa achegándonos información como a hora ou as notificacións pendentes, que se ben son de moita utilidade e evitan ter que andar acendendo a pantalla de cada vez para ver se temos algo, tamén inflúen no consumo da batería.

Cámara

Falemos da cámara, onde LG apostou por un modelo de dobre lente para a traseira. O sensor principal é de 16 megapíxeles, cunha apertura focal de f/1.8, mentres que o sensor secundario é de 8 megapíxeles e ten unha apertura de f/2.4. Esta combinación permítenos sacar fotos en gran angular (135 graos), isto é, podemos captar imaxes máis anchas nunha soa captura e evitando procesados da panorámica, como podedes ver nas mostras.

lg g5 - 4

A cámara funciona de marabilla en practicamente calquera situación, incluso polas noites e empregando os diferentes modos, dando sempre uns resultados son moi realistas. O enfoque é rapidísimo, grazas ao sistema láser que integra, o que nos permite non perder ningunha captura. No caso da cámara frontal atopámonos cun sensor de 8 megapíxeles e apertura focal f/2.0, que tamén ofrece uns bos resultados, como cabería agardar dun modelo destas características.

En canto a vídeo, pode gravar contido a 4K. Ademais, ao contar co sistema IOS de estabilización de imaxe redúcense notabelmente os tremores típicos de soster o móbil coa man mentres gravamos.

No noso perfil de Flickr pódese ver unha selección de imaxes tomadas co LG G5 en diferentes situacións.

Batería

A batería sitúase nos 2800 mAh, unha capacidade que para o noso gusto queda algo xusta, aínda que nunha situación normal permite acabar o día sen problemas. Integra o sistema de carga rápida Quick Charge 3.0, o que palía este problema, xa que en poucos minutos pode dárlle ao terminal un chute extra de enerxía que nos permita sobrevivir unhas cantas horas máis.

lg g5 - 6

Ademais, a batería é un módulo extraíbel, polo que podemos sacala e intercambiala por outra. Non é algo ao que esteamos afeitas nestes días, sobre todo logo de que se tiveran popularizado os powerbanks, pero segue a ser algo que certas usuarias demandan.

Software

En canto a software, vén con Android 6.0 e a interface LG UX, que incorpora novas funcionalidades para sacarlle máis uso a un dispositivo de grandes dimensións. Vai ser actualizado a próximas versións, nomeadamente a Android 7.0 Nougat, e se nos fixamos no acontecido co LG G4 case poderíamos asegurar que será dos primeiros modelos en facelo.

Modularidade

A maior particularidade do LG G5 fronte calquera dispositivo da competencia é a súa modularidade. Malia ter unha estética unibody, a parte inferior do dispositivo desmóntase para poder integrarlle módulos (ou Friends), que se resumen nun sistema de audio firmado por Bang & Olufsen ou unha batería extra con controis de cámara, que convirte o noso teléfono nunha compacta.

Como idea do que pode dar de si este sistema nun futuro amosámonos moi optimistas, aínda que na práctica non é algo ao que se lle dea moito uso no día a día. Por poñer un exemplo, no noso caso probamos o dispositivo xunto os lentes de realidade virtual, que sendo uns LG Friends non son parte desta modulación, xa que se conectan ao USB, polo que unicamente abrimos a parte modular para probar como funcionaba.

Conclusións

O LG G5 é un dos mellores terminais que temos hoxe en día no mercado, sen ningún tipo de dúbidas, e como idea futura do que poden ser os smartphones é unha marabilla. LG leva anos demostrándonos que é capaz de facer todo tipo de dispositivos, pero que logo non acaban de funcionar comercialmente, co que acaba parecendo que a compañía ten nos seus buques insignia unha fábrica de experimentos.

O terminal é unha compra con garantía de que nos facemos cun bo produto, e podémolo adquirir nalgunhas tendas como Amazon por 460 euros, un prezo moi axustado para as súas prestacións.

Sobre o autor

No Responses

Reply