Xa podemos reservar o Samsung Galaxy Note7 por 859 euros

Co Galaxy S7 e S7 Edge á venda desde hai varios meses e aberta a prerreserva do Samsung Galaxy Note7, Samsung comezará o curso tendo os seus deberes feitos, en canto a terminais móbiles, aínda que no IFA de Berlín veremos as novidades en wearables co lanzamento do Gear S3 e quen sabe se algunha que outra sorpresa.

Desde onte podemos reservar no noso país o Samsung Galaxy Note7 por 859 euros, un prezo que escapa a moitos petos, mais que a cambio pon nas nosas mans o que seguramente sexa o mellor terminal que podemos mercar a día de hoxe, combinando un deseño premium coa curvatura da pantalla Edge, stylus e resistencia á auga.

Especificacións

O Galaxy Note7 incorpora unha pantalla AMOLED Quad HD (2560 x 1440 píxeles, 518 ppp) de 5,7 polgadas con dual Edge, e no interior leva un procesador de fabricación propia, o Exynos 8890 octacore (4 x 2,3 GHz + 4 x 1,66 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB de capacidade.

galaxy-note7_highlights_kv_l

Fabricado en cristal e aluminio, e protexido con Corning Gorilla Glass 5, o Note7 é resistente ao pó e á auga segundo o estándar IP68, permitindo tamén usar o stylus S-Pen mollado. Así mesmo, vén con USB Tipo C, Bluetooth 4.2, WiFi, MIMO, LTE Cat9, lector de pegadas dixitais e escáner de iris, unha das súas principais novidades.

A cámara principal é de 12 megapíxeles, con apertura f/1.7 e OIS, mentres que a frontal é de 5 megapíxeles, tamén con apertura f/1.7. A batería é de 3500 mAh, con carga rápida e sen fíos, e vén con Android 6.0.1.

O Galaxy Note7 podémolo mercar por 859 euros en tres cores (black onyx, silver titanium e blue coral), e reservándoo até o 30 de agosto recibirase de agasallo as novas Gear VR 2016, os lentes de realidade virtual cos que poderemos sacarlle máis partido ao dispositivo.

Sobre o autor

Reply