ZTE foi outro dos fabricantes que tampouco quixo perderse a cita de Berlín, onde anunciou o ZTE Axon 7 Mini, que non é máis ca unha versión recurtada do ZTE Axon 7 que coñecemos semanas atrás.
O trebello incorpora unha pantalla de 5,2 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 617, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD de até 128 GB.
A cámara principal é de 16 megapíxeles e a frontal de 8, mentres que a batería fica nos 2700 mAh con sistema de carga rápida QuickCharge 3.0. No apartado de son destaca o uso da tecnoloxía Dolby Atmos, xunto con dous altofalantes frontais.
Do Axon 7 conserva o seu deseño, que destaca pola curvatura lateral para facilitar o seu agarre, así como o lector de pegadas dixitais e o son Hi-Fi.
Está previsto que se poña á venda por 299 euros a partir do 7 de setembro.

