Somos moitas as que usamos como ordenador principal un portátil, moitas veces conectado a unha segunda pantalla para traballar máis cómodas e, polo tanto, mellorar a nosa produtividade. Porén, estes monitores que empregamos como segunda pantalla non adoitamos levalos connosco cando nos movemos a outras ubicacións co noso ordenador. Sóavos a situación?
Pensando nestes casos, Asus traballou nun monitor portátil, o Asus ZenScreen MB16AC. Trátase dunha pantalla de 15,6 polgadas e resolución 1080p deseñada para a mobilidade, polo que conta cunha carcasa que facilmente podemos convertir nun soporte vertical ou horizontal.
Conéctase ao portátil cunha conexión USB Tipo C, que serve tanto para transmitir o sinal de vídeo como enerxía, evitando ter que andar buscando unha toma eléctrica complementaria para a pantalla.
Está previsto que se poña á venda por 269 euros nunha data pendente de confirmar.