Fai uns meses, Google presentou Allo e Duo as novas apps de comunicación instantánea. Duo foi lanzada fai unhas semanas e permite facer videochamdas, pero de Allo aínda non tiñamos novas até hoxe que acaba ser ser lanzada, e xa está chegando a todas aquelas que estaban rexistradas pero de xeito escalonado.
Allo, non ten versión web nin se pode instalar en tablets aínda que teñan slot para unha SIM. Polo de agora só está dispoñíbel para smartphones e cando a abrimos por primeira vez, pediranos o número de teléfono e unha serie de permisos que entran dentro da lóxica: acceso a SMS (para facer convites), contactos e galería de imaxes.
Con Google Allo ademáis de escribir mensaxes, enviar imaxes, vídeos ou notas de audio, tamén poderemos abrir chats segredos con cifrado extremo a extremo o que da un plus de privacidede ás nosas conversas, e ademáis podemos facer búsquedas en Google Maps e se queremos, aparecerán automáticamente na conversa.
Tal e como vedes na captura, podedes mandar ubicacións cando quedamos con amigos dun xeito moi sinxelo, e non só onde estamos nós, se non que podemos navegar polo mapa até atopar o lugar elixido.
Se cadra o punto máis interesante é o Asistente de Google co que podemos interectuar nun chat propio e facer todo tipo de preguntas tanto vía texto coma por voz. Ao asistente de Google tamén lle podemos mandar imaxes, é quen de recoñecelas e sobre estas pregúntanos que información queremos recibir, tal e como vemos na imaxe.
Outra característica a ter en conta é que podemos mandar stickers, algo que a día de hoxe non poden faltar nas apps de mensaxería. Desta volta temos unha particularidade; por defecto, o número de stickers é bastante limitado, pero temos temos unha listaxe moi importante de pegatinas que podemos descargar de balde, e deste xeito, ter este apartado máis personalizado e adaptado ás nosas necesidades desde o comezo.
Un punto importante é que podemos acceder ao asistente dentro dunha conversa entre amigos, tan só con escribir unha @ sen necesidade de sair da conversa.
Nun primeiro contacto, pensamos que Allo é unha aplicación moi interesente que conta cun asistente moi competente. O problema coma sempre é facer que as usuarias lle den unha oportunidade, tendo en conta o asentada que está a competencia, e por moi boa que sexa unha app, sen usuarios non chegará a ningures.
Allo irá chegando a todas nos vindeiros días e nesta ligazón, podedes consultar se xa a podedes descargar.