HTC segue ampliando a súa familia de gama media “Desire”, desta vez co lanzamento de dous novos modelos, o HTC Desire 10 Lifestyle e o HTC Desire 10 Pro. No primeiro fan unha aposta maior polo deseño, mentres que o modelo “Pro” é máis aspiracional, achegándose ás gamas altas.
HTC Desire 10 Lifestyle
O Desire 10 Lifestyle está equipado cunha pantalla de 5,5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles), e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 400, de catro núcelos a 1,6 GHz. Está acompañado de 2 ou 3 GB de RAM e de 16 ou 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 Tb de capacidade.
A cámara principal é de 13 megapíxeles, e a frontal de 5, e como sistema operativo emprega Android 6.0 Marshmallow. A súa batería ten 2700 mAh de capacidade.
O trebello estará dispoñíbel en catro cores (branco, engro, azul celeste e azul escuro) antes de que acabe o mes por un prezo que andará polos 300 euros.
HTC Desire 10 Pro
Por outra banda, o Desire 10 Pro aspira a máis, cun procesador máis potente, o Helio P10 de MediaTek, máis RAM e emellor pantalla, ademais de incluír lector de pegadas dixitais.
Tamén leva unha pantalla de 5,5 polgadas, aínda que neste caso a resolución é Full HD (1920 x 1080 píxeles). O procesador é un MediaTek Helio P10, de oito núcleos, acompañado de 3 / 4 GB de memoria RAM, 32 / 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 2 TB de capacidade, cámaras de 20 e 13 megapíxeles, 3000 mAh de batería e Android 6.0 Marshmallow como sistema operativo.
Malia ter un deseño semellante, na parte traseira a diferenza márcaa a presenza do lector de pegadas dixitais, un elemento cada vez máis habitual nos smartphones que se comercializan. Tamén marca a diferenza o apartado fotográfico, con esa cámara traseira de 20 megapíxeles e apertura f/2.2, que promete uns resultados moi positivos na meirande parte das circunstancias.
Ao igual ca o Lifestyle, o Desire 10 Pro poderase mercar en branco, negro, azul mariño e azul celeste, aínda que por el teremos que agardar un pouco máis, até o mes de novembro.