Punto e final. BlackBerry non fabricará máis teléfonos. A compañía canadense vén de anunciar que abandona a produción interna de teléfonos, polo que os posíbeis terminais que se lancen a partir de agora serán fabricados por outras compañías.
A información foi confirmada por John Chen, CEO de BlackBerry, quen asegurou que a partir de agora centraranse no software, logo de que o último informe de resultados financieiros acusase unhas perdas de 372 millóns de dólares.
O proceso que vivirá BlackBerry a partir de agora é moi semellante ao vivido por Nokia ou Motorola: con case toda certeza veremos novas “BlackBerrys” que incluirán o logo orixinal, pero que nada terán que ver coa liña de produción desta compañía.