O evento de Google desta tarde estamos a deixar importantes novidades. Ademais dos novos Google Pixel e Pixel XL, a compañía do gran G tamén presentou o Chromecast Ultra. Trátase da última versión do popular Chromecast, que ten como novidade principal o soporte para a resolución 4K e HDR10.
.
Como sabedes, os Chromecast son unhas pequenas pezas que se conectan sen fíos á nosa rede WiFi e mediante un porto HDMI á nosa televisión, permitindo enviar desde o noso smartphone, tablet ou ordenador contidos para reproducir na gran pantalla do salón (ou ondequeira que teñamos a nosa tele).
Segundo Google, esta versión é quen de cargar vídeo até 1,8 veces máis rápido ca versións anteriores ademais de incorporar un porto Ethernet para aquelas que non dispoñan dun bo sinal de WiFi na súa casa (que por certo, tamén se poden beneficiar dos novos routeres Google WiFi, presentados esta tarde).
En canto a deseño externo, non se aprezan demasiados cambios estéticos se o comparamos coa versión anterior, apostando por manter unha forma redondeada e polo de agora só dispoñíbel en negro, aínda que imaxinamos que máis adiante aparecerán versións noutras cores.
O Chromecast Ultra chegará ao mercado americano en novembro. Para mercalo no noso máis teremos que agardar un pouco máis e poderemos facelo por un prezo de 79 euros. Nesta ligazón podedes reservar xa unha unidade.