Que podemos esperar do Samsung Galaxy S8

galaxy-s8-teaser

O Samsung Galaxy Note7 xa é historia. O terminal que tiña todas as papeletas para ser o mellor móbil do 2016 morreu antes de que en moitos países chegase a ser posto á venda, entre eles no noso. Por iso cómpre que poñamos a mirada no Samsung Galaxy S8, un dispositivo no que Samsung deberá demostrar que os erros do Note7 non volverán repetirse.

A estas alturas do ano comezan a chegar os primeiros rumores do trebello que está preparando Samsung para o 2017, pero como aínda queda moito tempo deberíamos acollelos con moita cautela. En calquera caso, parécenos acaído recoller algúns dos que máis están soando durante estas semanas.

Segundo parece, teríamos dous modelos, Galaxy S8 e Galaxy S8 Pro, aínda que a diferenza do que vimos nos dous últimos anos, ambos trebellos terían pantalla curva Edge. A gran diferencia entre eles é que a versión Pro tería unha pantalla con resolución 4K.

En canto ao resto de especificacións, destacarían:

  • 2 tamaños de pantalla: 5,1 e 5,5 polgadas, con resolucións de 2560 x 1440 píxeles (576 ppp) e 3840 x 2160 píxeles (801 ppp), respectivamente.
  • Lector de pegadas en pantalla. Xa temos falado disto no blog a raíz dunha patente de LG, e sería unha das grandes novidades.
  • Novos procesadores: concretamente dous modelos dependendo das versións, un fabricado por Qualcomm (o Snapdragon 830) e outro pola propia Samsung (o Exynos 8895). Ambos os dous estarían fabricados en 10 nm.
  • Dobre cámara: foron varios os fabricantes que apostaron por esta tecnoloxía no 2016, como o caso do Huawei P9. Sería unha característica exclusiva da versión Plus.
  • USB Tipo C. Por primeira vez teríamos o USB reversíbel tipo C na gama S.
  • Resistencia á auga e hidrofobia. Repetiríase a estratexia do S7, dispositivos resistentes á auga segundo o estándar IP68, mais tamén se apostaría por unha pantalla hidrofóbica, que repele a auga para funcionar moito mellor cando está mollada.
  • Novo asistente de voz: tras a compra de Viv, estaríamos a falar dun asistente con intelixencia artificial propio para sustituír a opción de Google, Google Assistant.

Cando veremos o Samsung Galaxy S8?

Aínda que hai quen cre que todos os problemas do Note7 adiantarán o lanzamento do Galaxy S8, na nosa humilde opinión, Samsung vai manter os prazos previstos para non sufrir os problemas que levan as cousas feitas ás presas.

Polo tanto, pensamos que teremos novo Galaxy S8 no Mobile World Congress 2017, e que unha vez máis Samsung vai ser o centro de todas as miradas.

Sobre o autor

Reply