Malia non vir acompañados de pomposas campañas publicitarias, cando menos en territorio europeo, cada pouco tempo chéganos información dun novo Chromebook que se presenta ou pon á venda, case sempre nos Estados Unidos. Desta vez trátase dun modelo fabricado polos surcoreanos Samsung, o Samsung Chromebook Pro, que a marca a diferenza con outras opcións da competencia ao incorporar un stylus.
Porén, contar cun lapis non é a única característica a destacar deste trebello, posto que o seu deseño tamén chama a atención, xa que a súa pantalla pode xirar 360 graos e acabar convertida nunha tablet de 12,3 polgadas. Esta é unha característica que as usuarias deste tipo de ultraportátiles están a demandar moito nos últimos tempos.
En canto ás súas especificacións técnicas, do primeiro que imos falar é da súa pantalla. Como xa dixemos, trátase dun panel táctil de 12,3 polgadas con formato 3:2 e resolución de 2400 x 1600 píxeles, o que fai que teña unha densidade de 234 píxeles por polgada (ppp). Se falamos do brillo, este cada un nível de 400 nits.
Xa no seu interior temos un procesador ARM de seis núcleos a 2 GHz, dos cales 2 son Cortex-A72 e 4 Cortex-A53. Están acompañados de 4 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 32 GB, ampliábeis mediante microSD. Dispón de 2 portos USB Tipo C e unha batería que, segundo afirma o fabricante, permite 10 horas de traballo ininterrompido.
O stylus lémbranos, polo seu deseño, aos S Pen da gama Galaxy Note, aínda que semella que Samsung non tería engadido aplicación propia algunha coa que poder darlle un uso máis avanzado. O stylus deste Chromebook está pensado para facilitar tarefas como o debuxo ou a introdución de texto na pantalla.
Centrándonos no que sería o deseño, ten unhas dimensións e peso bastante acotados. Estamos falando dunhas medidas de 27,94 x 22 x 1,39 centímetros, e un peso total de 1,08 kg. As teclas que compoñen o teclado completo están lixeiramente curvadas e teñen retroiluminación para que sexa máis cómodo traballar con elas.
Está previsto que o Samsung Chromebook Pro saia á venda nos Estados Unidos proximamente por un prezo que rondaría os 500 dólares, algo máis de 450 euros. Que vos parece?