Amazon está estudando ser a túa operadora de Internet en Europa

Todas coñecemos Amazon como a maior tenda online, mais o certo é que este xigante ten montada toda unha infraestrutura de servizos relacionados coa rede, que van desde servidores nos que se aloxan milleiros de webs (moitas delas de servizos destacados, por certo) e tamén outros servizos de contidos mediante suscrición.

Porén, agora Amazon quere ir un paso máis, e seguindo os pasos de Google nos Estados Unidos co seu operador Fi, está estudando ofrecer servizos de operadora de Internet, co obxectivo de potenciar os que xa ten de suscrición de vídeo e televisión.

amazon-prime-instant-video

De concluír este proceso con éxito, Amazon acabaría por controlar todo o proceso de vídeo en streaming, pois estaría a ofrecer unha conexión empaquetada na que estarían incluídos os seus contidos premium, e o mellor de todo é que podendo ter servizos tan competitivos como os da competencia.

A particularidade desta nova é que, a diferenza do que cabería pensar dunha empresa dos Estados Unidos, o primeiro e principal obxectivo de Amazon sería Europa. Isto acontece porque a lexislación europea favorece que as redes xa despregadas teñan que ser alugadas a outras empresas, co que Amazon non tería que facer un despregamento de rede, abaratando moito a inversión inicial. O seu funcionamento sería equivalente ao dos OMVs no mercado móbil ou aos servizos de acceso a Internet indirectos, moi habituais no noso país.

Haberá que agardar aínda un tempo para ver que acaba concluíndo Amazon e se finalmente dan este importante paso na súa historia. Mais o certo é que con el evidénciase que, nun mercado no que todo o mundo pode ofrecer o mesmo a través dun tipo de conexión, as diferenzas para contratar unha ou outra empresa van estar nos servizos que inclúa cada unha no paquete.

Que vos parecería esta nova? Seríades das que contratarían Internet con Amazon?

Sobre o autor

One Response

Reply