A comezos de 2015 o fabricante de fotografía Kodak sorprendeunos co anuncio dun smartphone, no que supuxo un cambio de rumbo na traxectoria histórica desta marca. Os tempos foron mudando e hoxe en día moitas usuarias decidiron eliminar das súas vidas as cámaras fotográficas e quedar unicamente co móbil, e para boa mostra diso temos que cada vez temos mellores lentes nos terminais que usamos a diario.
A nova Kodak Ektra presentada esta semana é unha nova aposta pola fotografía móbil, no que vén a ser un híbrido smartphone – cámara con pantalla de 5 polgadas e resolución Full HD (441 píxeles por polgada) e unha cámara traseira de 21 megapíxeles que promete uns resultados extraordinarios.
No seu interior, o Ektra leva un procesador MediaTEK Heli X20 de 10 núcleos, xunto 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD. A batería é de 3000 mAh de capacidade e como sistema operativo leva Android 6.0 Marshmallow con algunha que outra aplicación preinstalada para sacarlle partido ao apartado da cámara, entre elas Snapseed.
Unha experiencia fotográfica superior
Como xa comentamos, o principal reclamo deste dispositivo é servir de cámara de fotos. Mentres na frontal temos unha nada desprezábel cámara de 13 megapíxeles, na principal Kodak puxo toda a súa artillería, cun sensor de 21 megapíxeles con apertura f/2.0, estabilizador óptico de imaxe, enfoque PDAF, flash LED e, por suposto, capacidade de gravación en 4K.
As opcións que ofrece esta cámara son numerosas, con múltiples modos a elixir, entre os que cómpre destacar o manual, no que as usuarias máis avanzadas poden ir xogando cos diferentes elementos para conseguir uns resultados moito máis profesionais, se os sabemos empregar ben.
Está previsto que chegue a Europa nas próximas semanas por 449 €, un prezo superior ao que teñen os smartphones con esas especificacións técnicas, aínda que imaxinamos que as melloras no apartado fotográfico compensarán as diferenzas.