ZTE vén de anunciar o lanzamento dun novo Set Top Box para as nosas televisións, que se ben non é o primerio deste tipo de trebellos deste fabricante, si que é o primeiro compatíbel cos estándares de TV en alta definición 4K. Trátase do modelo ZTE ZXV10 B860H e pode facer intelixente todos os televisores compatíbeis con este estándar.
Este novo gadget do fabricante chinés emprega Android TV 6.0, de maneira que é compatíbel coas aplicacións propias desenvoltas para Android TV, incluído o soporte multicanle e as videochamadas en alta definición, e pode dar soporte tanto aos contidos en Full HD, aos 2K a 60 fps e tamén a UHD (Ultra High Definition), máis coñecido como 4K.
Centrándonos nas súas especificacións, o trebelllo está equipado cun procesador Amlogic de 64 bits, acompañado de 2 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 8 GB. Dispón de entrada HDMI 2.0, un porto USB 2.0 e conexións Bluetooth 4.1, WiFi 802.11 ac e Ethernet.
Polo de agora descoñécense os detalles que teñen que ver coa súa comercialización, tanto no que ten a ver coas datas como no prezo, aínda que seguramente estará dispoñíbel antes de que acabe o ano.