Seguramente veríades como Samsung intensificou nos últimos días a súa campaña de promoción dos Galaxy S7 / S7 Edge, os únicos terminais de referencia do fabricante surcoreano, logo de todo o acontecido co Samsung Galaxy Note7.
A pesar da áxil actuación de Samsung, primeiro cun programa de sustitución por novas unidades e posteriormente coa retirada total do dispositivo, a marca segue estudando como lavar a súa imaxe, mimando especialmente a aquelas usuarias fieis que ansiaban o Note7.
Aínda que no noso país só chegou a pórse en prevenda, Samsung ofreceu en primeiro lugar o cambio por un Galaxy S7 ou Galaxy S7 Edge máis a diferenza económica, pero finalmente, e para evitar complicacións, decidiron devolver integramente os cartos.
Porén, segundo as últimas informacións que chegan desde Corea, Samsung estaría estudando unha nova vantaxe para todas as persoas que se viron afectadas polo Note7gate, entre as que destaca a adquisición dun Galaxy S8 en promoción.
Nun primeiro momento apuntouse á posibilidade de obter un dos novos buques insignia que Samsung está a preparar para o próximo ano totalmente de balde, malia que finalmente semella que esta promoción iría máis na liña de ter unha rebaixa do 50% no prezo do Galaxy S8. Tendo en conta os prezos oficiais do S7 e S7 Edge (720 e 820 €, respectivamente) estaríamos a falar dun desconto entre os 360 e os 410 €, aproximadamente.
En calquera caso, debemos coller esta información con pinzas, xa que aínda queda bastante tempo para a presentación do Galaxy S8 (fálase do MWC 2017), pero desde logo sería todo un detalle por parte de Samsung que axudaría a que moitas usuarias esqueceran o acontecido co Note7.
Samsung xa traballa no Galaxy Note8
Logo de toda esta crise chegouse a falar de que Samsung tería decidido pór punto e final á familia Note, mais nun último comunicado da empresa fálase de que os plans para o Note8 non se teñen cancelado, aínda que é probábel que de aquí aló vexamos un rebranding do dispositivo.