Os ingresos de Euskaltel medran grazas á integración de R no grupo

r-euskaltel

O Grupo Euskaltel, formado por Euskaltel e R, obtivo un beneficio neto de 44,9 millóns de euros nos primeiros nove meses de 2016, fronte o resultado negativo de 3,3 millóns de euros rexistrado no terceiro trimestre do ano anterior, como consecuencia dos gastos extraordinarios con motivo da saída a Bolsa da compañía.

Contando as usuarias do grupo en Euskadi e Galiza, o grupo dá servizo a 548.945 clientes que suman máis de 1,88 millóns de produtos contratados, cun relevante incremento na adquisición de televisión de pago e servizos de telefonía móbil. Ademais, Euskaltel destaca que cada vez son máis as usuarias que contratan produtos de alto valor, baseados na paquetización de servizos. De feito, un 65,2 % das clientas teñen contratado 3 ou 4 produtos na mesma factura.

No que vai de ano, móbilR e Euskaltel sumaron 74.000 novas liñas de móbil, o que supón un incremento do 10,8% sobre as mesmas datas do ano anterior de ambas compañías por separado. Grazas a isto, o 76,2% dos clientes do grupo teñen contratado, a lo menos, un teléfono móbil co operador.

Este crecemento tamén se nota na televisión de pago do grupo, que medrou en 24.500 novos servizos, un 10,1 % máis ca no terceiro trimestre de 2015. Algo máis do 55% das usuarias de Euskaltel e R teñen contratado algún produto de televisión nos seus fogares, fronte o 49% de ai un ano.

O móbil, a gran aposta do grupo

A pesar de que Telefónica, Vodafone e Orange pisan o acelerador no despregamento de fibra FTTH en Euskadi e Galiza, tanto R como Euskaltel van moi por diante no número de unidades inmobiliarias acadadas coas súas respectivas redes híbridas de fibra e coaxial.

Porén, é no móbil onde o grupo vasco – galego ten centrada a súa maior aposta, tanto polo anuncio do despregamento de rede propia en ambos territorios aproveitando as frecuencias adquiridas hai anos como co acordo para usar a rede neutra de Telxius.

Na actualidade, R está en pleno proceso de migración das súas liñas móbiles da rede de Vodafone á de Orange, quen lle permite acceder ás redes 4G, aínda que non todas as tarifas o soportan. Segundo parece, a marca galega do grupo tamén ten previsto facer unha actualización de tarifas antes de que remate o ano, mais teremos que agardar aínda un tempo para saber se resultan positivas ou negativas para as usuarias.

Sobre o autor

Reply