Moitas pensaban que Google xa non ía ter moito máis que anunciar este ano logo da importante keynote que vivimos hai unhas semanas. Porén, case por sorpresa, apareceu a Google Jamboard, unha pizarra dixital con pantalla táctil de 55 polgadas e resolución 4K pensada para os entornos educativos e empresariais.
Con semellante tamaño non é de extranar que todo na Jamboard estea pensado para ser usado en equipo, ben sexa para colaborar na creación e edición de documentos, na realización de debuxos ou mesmo para facer videoconferencias a través de Hangouts. Por todo iso, o trebello vén equipado cunha cámara HD, micrófono, altofalante, ademais de que se comercializará con lápices ópticos que aumentan a precisión, facilitando moito o traballo.
A chamativa pantalla de 55 polgadas ten resolución 4K e permite até 16 entradas táctiles de maneira simultánea. Polo demais, pouco podemos adiantar, pois desde Google aínda non quixeron falar de especificacións concretas, máis aló das que xa comentamos nesta entrada. Agora mesmo estanse a perfilar os últimos pasos antes da súa posta á venda, polo que desde Google están estudando diferentes acordos con outras empresas, entre elas Netflix e Spotify, para integrar os seus servizos na Jamboard desde o seu lanzameento.
A Jamboard vén cun soporte que inclúe rodas, permitindo así o seu fácil desprazamento dun lugar a outro, algo que estamos certas ha de interesar moito ás empresas que puiderar querer empregar un trebello destas características para as reunións nas súas oficinas.
Malia que polo de agora aínda é cedo para falar de prezos concretos, son varias as fontes que falan de que rondaría os 6000 dólares. Desde logo é unha cifra abultada, mais se a comparamos cos 9000 que custa a Microsoft Hub, de características semellantes, estaríamos a falar dun prezo máis axustado.
O que fica claro é que Google quere apostar forte polo sector empresarial, potenciando a G Suite, o conxunto de ferramentas de produtividade para empresa que cada vez usa máis xente, e de onde realmente saca os cartos para poder seguir desenvolvendo os produtos que todas usamos a diario.
Máis info | Google