A operadora de cable asturiana Telecable vén de anunciar un acordo con Movistar para usar a súa rede móbil, o que tamén implica que prescinde de Vodafone, a compañía coa que levaba traballando preto de nove anos. As razóns, igual que aconteceu noutros sonados casos como os de Pepephone ou da galega R, atopámolas no bloqueo de Vodafone ao acceso dos seus OMV ás velocidades 4G.
Segundo confirmou a propia Telecable, a compañía ten previsto aumentar a súa oferta de servizos vencellados ao móbil ao longo do primeiro semestre de 2017. Isto tamén inclúe aumentar o volume de datos das tarifas sen modificar os seus prezos (ou facelo minimamente) e, por suposto, dar acceso ás redes 4G.
Os preto de 200.000 clientes de móbil cos que conta a compañía asturianda iranse migrando á nova rede móbil nos primeiros seis meses de 2017, nun proceso gradual similar ao que está acometendo R en Galiza, aínda que no caso da operadora galega cara Orange.
Con este movemento Vodafone perde un dos últimos grandes clientes que lle quedaban, polo que unicamente dará servizo maiorista de rede a Lowi (a súa marca low cost), Eroski, Hits Mobile e Lebara.