Todo comezou cunha brincadeira no primeiro de abril de 2015. Aquel día Amazon asegurou ter uns botóns que, ao premelos, facían a compra dun determinado produto. Hoxe estes minigadgets son unha realidade, e desde hoxe están dispoñíbeis en Amazon España en precompra. Son os Amazon Dash Buttons.
Os Dash Buttons son uns pequenos botóns que levan ao mundo real a compra cun só clic. Están pensados para que, co simple feito de premer un botón poidamos encargar un produto concreto, atendendo especialmente as necesidades de produtos básicos que consumimos nas nosas casas: papel hixénico, deterxente, preservativos…
https://www.youtube.com/watch?v=EHMXXOB6qPA
Funcionan conectados á rede WiFi doméstica e a súa configuración non podería ser máis sinxela. O único que temos que facer é vencellar cada un destes botóns á nosa conta de Amazon Premium (é requisito imprescindíbel ter conta Premium) para poder proceder ao pago e ao envío da compra ao noso domicilio, e ligalo a un produto determinado entre as opcións dispoñíbeis, actualmente algo máis de 100.
Cada botón pode estar asociado a un único produto, se ben é certo que podemos mudar o produto ao que está vencellado entre varias opcións desde a aplicación de Amazon. Esta app é imprescindíbel, pois cada vez que fagamos unha compra (premendo un botón) recibiremos unha notificación nela, desde a cal poderemos cancelala no caso de que tivera sido un erro.
En canto prezos e dispoñibilidades, cada botón custa 4,99 €, se ben é certo que esa cantidade é descontada do primeiro produto que se merque con cada un deles, polo que na práctica acaban sendo de balde. No noso país temos unhas 20 marcas asociadas a este innovador servizo de Amazon, entre as que están Ariel, Vileda, Fairy, Hero, Dodot, Gullette ou Durex, entre outras. Chegarán a partir do 15 de novembro ás nosas casas, pero xa se poden ir encargando desde a web de Amazon.