R vén de dar a coñecer varias novidades que afectan á súa oferta comercial a partir do próximo mes de decembro, e que están centradas principalmente en móbilR, con novas tarifas, así como en opcións máis económicas para aquelas usuarias que combinan algún combo fixo e móbilR. Iso si, como vén sendo habitual nos últimos cambios de tarifas da compañía, volve haber unha suba de prezo xeralizada.
Novas tarifas de móbilR
No que afecta a móbil, aparecen tres novas tarifas de móbilR, con máis minutos e datos que outras opcións semellantes do portfolio da operadora:
- 1 GB de datos e chamadas a 0 cént/min por 9 €/mes
- 2 GB de datos + 200 minutos por 15 €/mes
- 2 GB de datos e+ chamadas ilimitadas por 18 €/mes
A primeira será a actual tarifa 1 (500 MB e chamadas a 1 cént/min por 8 €/mes), obrigando ás usuarias a pagar 1 € máis ao mes, aínda que dobrando a cantidade de datos e baixando 1 cént/min as chamadas. As outras dúas serían, en principio, tarifas novas, aínda que fica por ver se os actuais clientes da plana 13 (1,5 GB e 150 minutos en chamadas por 13 €/mes) non acaban tendo que pasarse obrigatoriamente á nova opción de 2 GB e 200 minutos por 15 €/mes.
Todas elas levan incluído wificlientesR.
Novidades nos combos: combo 200 megas e máis
Ademais de todas as novidades en móbil, R contará cun combo de 200 megas, aínda que a compañía non confirmou se isto suporá a actualización dalgún dos xa existentes (50, 150 e 350 megas) ou se, pola contra, sumarase á oferta vixente.
Do mesmo xeito, increméntanse os minutos de chamadas a móbiles desde o fixo a 1100 minutos, haberá unha opción de televisión “máis series” con series de estrea desde 3 €/mes, combinacións máis económicas para quen contrate combo e móbilR ao tempo, e 4G para as tarifas móbiles vencelladas aos combos.
Subas en tarifas móbiles
R tamén anuncia unha suba de 1 € en todas as tarifas de móbilR sen mellorar as súas condicións, agás a plana 32, que sube 2 €/mes. Malia todo, hai algo que non nos encaixa de todo, pois na comunicación comercial infórmase dalgunhas combinacións de tarifas con novos prezos que levan implícita unha suba maior
- 2 liñas ilimitadas con 3 GB por 38 €/mes. Actualmente este produto custa 35 €/mes.
- 1 liña ilimitada con 4 GB + 1 liña ilimitada con 3 GB por 43 €/mes. Actualmente non hai tarifa con 4 GB, polo que non podemos comparar, mais cos prezos de hoxe unha liña de 6 GB e outra con 3 cústanos 45 €/mes.
- 1 liña ilimitada con 6 GB + 1 liña ilimitada con 3 GB por 49 €/mes. Como acabamos de comentar, actualmente isto custa 45 €/mes.
No período de facturación a partir de decembro.
Todos estes cambios produciranse a partir do 22 de decembro. Coincidindo con esa data tamén se actualiza o día de facturación, xa que desde decembro o ciclo comezará o 22 de cada mes.