Black Friday e Cyber Monday: a historia detrás da tolemia consumista

black-friday

Durante toda esta semana estamos a falar moito do Black Friday, unha data que moita xente ten xa interiorizada como “as rebaixas de outono”. Porén, hai moito máis detrás desta data que até hai uns anos, especialmente cando chegou Amazon de maneira oficial, era descoñecida no noso país. E xunto a ela o Cyber Monday. Falemos un pouco máis delas.

Cando se celebran?

O cuarto xoves de novembro celébrase nos Estados Unidos o Día de Acción de Grazas (Thanksgiving), que polo cine temos asociado ao tradicional pavo que adoitan cear ese día as estadounidenses en compañía da familia ou amizades. En realidade é unha celebración relixiosa de agradecemento a Deus polas boas colleitas do ano.

simpsons-accion-grazas

No que nos atañe, ao día seguinte de Acción de Grazas é o Black Friday, o venres que marca o inicio da tempada de compras para o Nadal. Pero ademais, máis recentemente fixouse unha nova data, o Cyber Monday, no que os grandes descontos están ligados á tecnoloxía e ás vendas online. Celébrase o luns seguinte ao Black Friday.

Porén, Acción de Grazas, e polo tanto o Black Friday, non sempre caeu no cuarto xoves de novembro. Anteriormente era o último xoves do mes, mais en 1939 caeu no día 30, polo que os comerciantes viron que quedaría reducida a súa campaña de Nadal. Decidiron pedirlle ao Presidente Rossvelt mudar a data, e desde aquela quedou no cuarto xoves.

Por que se chama Black Friday?

Aínda que o vencellamento do Black Friday ás compras vén desde comezosdo século XX, o certo é que non sempre recibiu este nome, e hoxe temos dúas teorías sobre a orixe do termon “Black Friday”.

A primeira delas, máis documentada, atopámola en Philadelphia, onde a policía empregábao para describir o intenso tráfico de persoas e vehículos que andaban polas rúas o día seguinte a Acción de Grazas, aló polo ano 1961. Porén, até o 1966 non se popularizaría o termo, extendéndose ao resto dos Estados Unidos polo 1975.

black-friday-trafico

Por outro lado, e con altas doses de lenda urbana, hai quenes aseguran que o de “negro” vén porque, debido ao altísimo volume de cartos ique se ingresan coas vendas dese día, as contas do comercios pasan de estar en vermello ao negro.

E Cyber Monday?

O Cyber Monday ten unha orixe moito máis recente, e está ligado ás compras a traves da Internet. O termo foi empregado por vez primeira nun comunicado de prensa da shop.org. Nel dicía que “o Cyber Monday converíase nun dos días de compra en liña máis grande do ano”.

Pouco a pouco foi callando esta data, collendo moita sona grazas  a tendas como BestBuy ou a todopoderosa Amazon.

Black Friday e Cyber Monday en Galiza

No noso país, como no resto do Estado, Amazon xogou un papel fundamental na popularización desta semana de compras online, aínda que a día de hoxe son milleiros as tendas, online o offline, que se sumaron a estas rebaixas nos produtos ou servizos.

Un exemplo é a tenda Opirata.com, da que vos falamos hai uns días, que vende online produtos de electrónica e tecnoloxía. O Black Friday supón para esta empresa de Bueu un esforzo loxístico importante, mais tamén unha oportunidade de multiplicar por 10 a facturación dun venres normal.

Mercar con sentidiño

Non cabe dúbida de que tanto o Black Friday como o Cyber Monday (e en xeral toda esta semana) son boas ocasións para mercar cousas a prezo rebaixado, mais como sempre debemos ser coidadosas e non deixarnos levar pola febre consumista. Vamos, poñer sentidiño.

black-friday-comic

Como consellos recomendámosvos que teñades  conta dos cartos que podedes gastar e que fagades unha listaxe das cousas que realmente necesitades e as que son simples antollos. Deste modo evitaremos sustos cando cheguen os cargos ás nosas tarxetas de débito / crédito.

Centrándonos na tecnoloxía, é un moi bo momento para mercar teléfonos, tablets ou outros gadgets. Porén, antes de deixarvos levar polos luminosos carteis de Black Friday mirade se realmente a oferta é tan oferta ou un engano, e se mercades online mirade tamén de facelo en sitios de confianza, tipo Amazon, por se despois precisamos reclamar unha garantía.

Se aproveitades para contratar algún servizo de telecomunicacións, como podería ser unha portabilidade, fixádevos nas posíbeis permanencias que poidades asinar, polo que ante a dúbida preguntade.

O dito, mercade con sentidiño 🙂

Sobre o autor

Reply