HTC segue actualizando o seu portfolio de dispositivos. Se hai apenas un par de días anunciou o HTC 10 Evo agora é a quenda dun modelo de gama media. Trátase do HTC Desire 650, un dispositivo que polo de agora só está dispoñíbel en Taiwán e que garda moitas silimitudes co seu predecesor, o HTC Desire 630.
O HTC Desire 650 incorpora unha pantalla HD de 5 polgadas. No seu interior leva un procesador de catro núcleos, aínda que non se especifica cal. Dispón de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB, como case todos os trebellos da compañía.
No apartado multimedia temos unha cámara principal de 13 megapíxeles, con sensor BSI, apertura de f/2.2 e autoenfoque, mentres que a cámara frontal é un sensor de 5 Mpx con apertura de f/2.8 e tamén sensor BSI. Se falamos de son, temos o sistema HTC BoomSound.
O Desire 650 non escatima en opcións de conectividade, con WiFi 802.11 b/g/n, Bluetooth 4.1, NFC ou conexión LTE – 4G. Ten 2200 mAh de batería (sen carga rápida) e como sistema operativo usa Android 6.0 Marshmallow con interface HTC Sense.
O HTC Desire 650 estará dispoñíbel en branco e negro por pouco máis de 150 euros. Poderá mercarse inicialmente en Taiwán desde o mes de decembro, aínda que é probábel que en próximas datas chegue a outros países.