O fabricante chinés Meizu vén de renovar o seu flagship facendo unha versión “plus” do mesmo. Falamos do novo Meizu PRO 6 Plus, un novo trebello que actualiza algunhas características técnicas do seu predecesor, como o procesador ou a batería, e integra tamén unha pantalla de maior tamaño.
O Meizu PRO 6, anunciado en abril, contaba cunha pantalla de 5,2 polgadas, un tamaño algo escaso para o que adoita ser habitual nos trebellos de bandeira dos fabricantes chineses. A razón non era outra que esta versión Plus que estaban preparando, e que integra unha pantalla OLED de 5,7 polgadas e resolución QHD. Este panel é ademais sensíbel á presión 3D Press, o que permite levar a cabo diferentes accións dunha maneira máis sinxela.
No seu interior leva un procesador Exynos 8890, fabricado por Samsung (é o mesmo que leva o Samsung Galaxy S7), xunto con 4 GB de memoria RAM. A actualización de características tamén afecta á súa batería, que medra até os 3400 mAh de capacidade, a pesar de que segue mantendo os 7,3 mm de grosor.
No apartado fotográfico, Meizu apostou por un sensor Sony IMX386 de 12 megapíxeles, con estabilizador óptico, capacidades de gravación de alta calidade (4K) e flash en anel, mentres que no caso do sensor frontal, inclúese un modelo de 5 Mpx.
Complementando as súas características técnicas temos un lector de pegadas dixitais (mTouch) capaz de ler o ritmo cardíago, dual SIM LTE, NFC e conector USB Tipo C. Como sistema operativo emprega Android 6.0 – Marshmallow e a interface propia Flyme OS 6.
Prezo e dispoñibilidade
O Meizu PRO 6 Plus venderase en tres cores (dourado, gris e prateado) e en dúas variantes, unha de 32 GB por 410 € e outra de 64 GB que custará 450 €. Está previsto que se poña á venda na China o día 8 de decembro e pouco tempo despois no resto de países.
Máis info | Meizu