ZTE vén de presentar dous novos modelos de smarphone económicos, os ZTE Blade A610S e ZTE Blade A610S Plus, dous dispositivos de gama media que presentan un coidado deseño, bos acabados e, sobre todo, unha inmensa batería de 5000 mAh para sacarlles todo o partido.
Deseño e especificacións
ZTE decidiu apostar polo uso do aluminio en ambos trebellos, así como por un deseño no que a curva é a gran protagonista, tanto no corpo traseiro dos trebellos como, lixeiramente, nas pantallas coa implementación do 2.5D nos seus bordes.
A versión máis básica ten unhas características moi sinxelas, especialmente na cámara cun sensor principal de tan só 8 megapíxeles. Pola contra, a versión Plus mellora significativamente este e outros aspectos e inclúe sensor de pegadas dixitais.
ZTE Blade A610S | ZTE Blade A610S Plus | |
Pantalla | 5″ HD (1280 x 720 píxeles) | 5.5″ HD (1.920 x1.080 píxeles) |
Procesador | Mediatek MTK 6780T Octa Core a 1.5 GHz | Mediatek MTK 6750 Octa Core a 1.5 GHz |
RAM | 2 GB | 2 GB |
Memoria | 16 GB (+ microSD 128 GB) | 16 GB (+ microSD 128 GB) |
Cámaras | 8 / 2 Mpx | 13 / 8 Mpx |
Batería | 5000 mAh | 5000 mAh |
Sistema operativo | Android 6.0 Marshmallow | Android 6.0 Marshmallow |
Outros | — | Lector de pegadas dixitais |
Especialmente destacábel é a batería que incorporan ambos modelos, de 5000 mAh de capacidade. Isto permitirá que as usuarias poidan exprimir ao máximo os seus dispositivos e acadar, seguramente, os dous días de autonomía sen pasar polo cargador.
Dispoñibilidade e prezo
Os novos trebellos de ZTE xa se puxeron á venda en Rusia, principal mercado ao que están destinados, aínda que é moi probábel que nas próximas semanas a compañía anuncie a súa posta á venda noutros lugares.
O prezo do modelo máis básico, o ZTE Blade A610S é de uns 150 euros ao cambio actual, mentres que o ZTE Blade A610S Plus custa uns 220 euros ao cambio.