4 aplicacións para enviar (case) calquera vídeo ao noso Chromecast

O Nadal está á volta da esquina. Época de xuntanzas, comidas copiosas e… porqué non dicilo, de pequenos dilemas sobre que regalar á xente querida. Pois, para aqueles de vós que esteades a buscar un regalo con un toque tecnolóxico a un prezo axustado aí vai unha recomendacíon que vos facemos desde Mallando no Android: mercade un Chromecast.

Por uns 40€ pouco máis se lle pode pedir a un gadget: facilidade de instalación e uso e multitude de aplicacións fano ideal tanto para tecnofóbicos como para os máis avanzados.

Pero claro, non todo é perfecto. Quizáis o maior punto negativo que se lle poda poñer a este dispositivo é a súa incompatibilidade con algúns formatos de vídeo que fan que a experiencia non sexa completamente redonda cando queremos ver contido que non está nas aplicacións ou formatos admitidos. Como para (case) todo hai solución, hoxe querémosvos recomendar catro aplicacións para poder desfrutar de practicamente calquera vídeo no voso televisor a través do Chromecast sen preocuparse de limitacións de formatos, dispositivos ou onde estén aloxados.

 

Como enviar vídeos desde un dispositivo Android:

  • Desde un navegador: Web Video Caster cumpre bastante ben e de forma moi sinxela esta función. Abres a aplicación, conéctala ao Chromecast e, cando atopes un vídeo que queiras ver a pantalla grande, fas clic nel…e listo.
  • En local: para ver vídeos gardados na memoria do voso dispositivo é onde podemos atopar un maior número de solucións. Nesta ocasión querémosvos recomendar Megacast, que permite enviar contido en formatos tan habituais e non compatibles co gadget de Google como .avi ou .mkv cunha transcodificación bastante rápida e sen complicacións. 

Como enviar vídeos desde un ordenador:

  • Desde o navegador Chrome: propoñémosvos unha combinación de dúas extensións: PlayTo xunto a oficial de Google Cast. A primeira detectaravos practicamente todos os vídeos das páxinas web polas que naveguedes segundo vaiades facendo scroll polas mesmas e mostraravos un pop-up pedindo a confirmación para envialo a Chromecast; con dous clics máis, un para aceptar o envío e outro para elixir o Chromecast na extensión oficial, xa estaredes a desfrutar no contido na televisión.
  • Contido local: coa aplicación Airflow, dispoñible gratuítamente tanto para Windows como para Mac, poderedes enviar calquera vídeo local nun santiamén. Arrastrades o arquivo á súa interfaz, elexides coma sempre o Chromecast ao cal enviar o contido e a desfrutalo a pantalla xigante.

E vós, que nos podedes recomendar? Tedes algunha outra aplicación favorita para enviar contido ao Chromecast? Lémosvos nos comentarios!

Sobre o autor

2 Comments

  1. Mario 15 Decembro, 2016 Responder
    • Anxo 15 Decembro, 2016 Responder

Reply

Deixa una resposta a Anxo Cancelar a resposta