O fabricante chinés LeTV estrea smartphone. Falamos do novo Le Eco Cool S1, un trebello cunha espectacular relación calidade – prezo que non renuncia a incorporar compoñentes de calidade, como o procesador Qualcoom Snapdragon 821.
O novo Le Eco Cool S1 leva unha pantalla FHD de 5,5 polgadas (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 821, de catro núcleos a 2,35 GHz, 4 ou 6 GB de memoria RAM e 64 GB ou 128 GB de memoria interna, non ampliábeis.
A cámara principal é de 16 megapíxeles, con PDAF, e a dianteira de 8 megapíxeles. A súa batería acada os 4070 mAh de capacidade e completando a súa folla de especificacións leva 4G-LTE, Bluetooth 4.0, dual SIM, lector de pegadas dixitais e USB TIpo C.
En canto a deseño e materiais, o fabricante apostou por unhas liñas redondeadas clásicas e acabados metálicos, algo que sempre resulta interesante. O sistema operativo é Android 6.0, aínda que modificado por unha capa de personalización propia.
O Le Eco Cool S1 está xa á venda por uns 350 euros na versión 4 GB RAM + 64 GB memoria, 380 euros na de 6 GB RAM + 64 GB memoria e 450 € na superior, con 6 GB RAM + 128 GB de memoria. Aínda que polo de agora non está previsto que se poña á venda de forma oficial no noso país, os modelos desta marca adoitan poderse mercar de maneira máis ou menos doada nas diferentes tendas que exportan dispositivos.