Samsung anuncia os Notebook 9, co peso máis lixeiro do mercado

Samsung anunciou esta semana a renovación da súa gama de portátiles coa chegada dos novos Notebook 9, un modelo dispoñíbel en dous tamaños, 13,3 e 15 polgadas, e no que hai unha aposta clara pola lixeireza. O modelo máis pequeno queda nos 816 gramos, mentres que a versión de 15 polgadas sube até os 984 gramos. Difícil ter máis en menos de 1 quilogramo.

Ademais de polo tamaño da pantalla, temos diversas versións dependendo do procesador concreto e da memoria que leven. En calquera caso, estamos a falar de procesadores que pertencen á sétima xeración de Intel, con modelos i7 na versión de 15 polgadas e os i5 ou i7 no caso do de 13. En canto á RAM, a máxima será de 8 no de 13 polgadas e de 16 no de 15.

As pantallas levan resolución FullHD, con soporte para vídeo HDR e un “modo exterior” co que se pode aumentar o brillo até os 500 nits, mellorando notabelmente a experiencia en entornos con moita luz. Dispón dunha cámara frontal de 720p, dous altofalantes de 1,5W e tarxeta gráfica integrada.

En canto a autonomía, a súa batería ten habilitada carga rápida, de maneira que precisamos 80 minutos para tela completamente cargada ou apenas 20 para ter algo maís de 2 horas de autonomía; ademais, pode cargarse cun cargador de móbil. Por outra banda, centrándonos na conectividade, cabe destacar a presenza de USB 3.0, USB 2.2, USC-C, HDMI e lector de tarxetas microSD. Tamén ten lector de pegadas dixitais e sorporte para Windows Hello.

En canto a dispoñibilidade e prezos, a compañía aínda non deu prazos nin cifras, mais semella que se situarán entre os 1000 e 0s 1500 euros.

Sobre o autor

Reply