Como sabedes, o método máis habitual para acceder aos servizos dixitais é o de empregarmos un nome de usuario e un contrasinal, un sistema que presenta algunha que outra debilidade. Por iso nos últimos tempos, e a pesar de terse introducido melloras a ese sistema como a verificación en dous pasos, estase a dar un importante debate sobre o futuro da autenticación.
Facebook é un actor importante nesta cuestión, pois as contas da rede social poden empregarse non só para acceder a ela, senón tamén como método de verificación e acceso a servizos e aplicacións de terceiros con Facebook Login. Por iso a compañía amósase interesada en facilitar o proceso de acceso, e vén de presentar un novo sistema chamado “Instant Verificación”.
Facebook permítenos acceder á conta co noso enderezo electrónico ou co teléfono, conxuntamente cunha clave de acceso. Actualmente, cando tentamos acceder a unha aplicación dun terceiro, se decidimos facelo coas credenciais de Facebook e poñemos o noso número debemos agardar a que nos chegue o SMS co código para introducilo e poder así acceder á aplicación ou servizo en cuestión.
Con Instant Verification este proceso simplíficase, xa que se o número de teléfono coincide co que está verificado na conta de Facebook iniciarase sesión sen ter que recibir o SMS. Unicamente no caso de que haxa discordancia entre o número introducido e o verificado empregarase o método actual de recepción dun código por SMS para poder iniciar sesión.
Publicado por Facebook for Developers en Lunes, 19 de diciembre de 2016
Deste modo Facebook aspira a facilitar o acceso ás aplicacións que empreguen Facebook Login, reducindo a dependencia no SMS, un servizo que non sempre temos por que ter dispoñíbel.
Máis info | Facebook Instant Verification