Así podes comprobar os premios da lotería de Nadal no móbil ou na web

Hoxe é o día da lotería de Nadal, unha xornada que enfronta a matemáticos que fan os seus cálculos para demostrar ao resto de mortais que a probabilidade de que toque un premio é ínfima e a xogadoras que responden cun “xa claro, xa cho direi se me toca”. Independentemente do grupo no que esteamos, mesmo se estamos cun pé en cada un deles, raro é que non teñamos algún décimo ou participación da lotaría de Nadal.

O que está en xogo no sorteo de hoxe son os seguintes premios ao décimo:

  • 1º premio (Gordo): 400.000 €
  • 2º premio: 125.000 €
  • 3º premio: 50.000 €
  • 4º premio (x 2): 20.000 €
  • 5º premio (x 8): 6.000 €
  • Pedrea (x 1794): 100 €
  • Número anterior / posterior ao 1º: 2.000 €
  • Número anterior / posterior ao 2º: 1.250 €
  • Número anterior / posterior ao 3º: 960 €
  • Centenas do 1º, 2º, 3º premio (x 297): 100 €
  • Centenas do 4º (x 198): 100 €
  • Dúas últimas cifras do 1º, 2º, 3º (x 2547): 100 €
  • Reintegro (última cifra do 1º) (x 8499): 20 €

Historicamente, e salvo que tivésemos algún dos premios grandes que se anuncian pola tele e radio até a saciedade, o método de consultar os nosos premios era agardando ao xornal do día seguinte para revisar as páxinas cheas de números en letra minúscula. Porén, desde hai uns anos xa podemos adiantarnos e consultalo a través de moitas webs ou aplicacións.

Como comprobar os premios

Unha das apps máis completas é El Mundo Loterías y Resultados, do xornal El Mundo. O valor diferencial desta app é que, ademais de permitirnos introducir os números que xogamos, ten notificacións push.

Por outro lado temos Lotería de Navidad. Neste caso tamén podemos gardar os números que temos e a cantidade que xogamos en cada un deles, xunto cunha breve descrición, por exemplo para poñer con quen compartimos o décimo ou onde a mercamos.

Se preferides empregar unha versión web, moitos xornais implementan un widget para introducir o número e o premio. Por exemplo, unha opción de confianza é o de RTVE, onde tamén podemos seguir o sorteo en directo a través de http://loteria.rtve.es/

Como se adoita dicir hoxe, moita saúde! 🙂

Sobre o autor

Reply