LG anuncia os seus novos terminais de gama media: Serie K e Stylus 3

Se non podes evitar as filtracións… adiántate ti. LG vén de dar a coñecer os seus novos dispositivos de gama media e baixa para o primeiro trimestre de 2017, que verán a luz no CES 2017, que comeza con novo ano na cidade de Las Vegas. Trátase da nova serie K, que estará formada por 4 novos modelos, e a terceira xeración do Stylus 3.

LG serie K

Unha vez máis a filosofía da nova serie K é a de ofrecer a cada consumidor o dispositivo que precisa. Por iso, cada modelo está orientado a un público específico, cun dispositivo que destaca na súa gama, o K10, un máis básico, o K8 e dous que practicamente serven unicamente para o WhatsApp, os K4 e K3.

LG K10 LG K8 LG K4 LG K3
Pantalla 5,3” HD (1280 x 720) 5” HD (1280 x 720) 5” FWVGA (854 x 480 4,5” FWVGA (854 x 480)
Procesador Octa Core 1,5 GHz Quad Core 1,4 GHz Quad Core 1,1 GHz Quad Core a 1,1 GHz
RAM 2 GB 1,5 GB 1 GB 1 GB
Memoria 16 / 32 GB + microSD até 2 TB 16 GB + microSD até 32 GB 8 GB + microSD até 32 GB 8 GB + microSD até 32 GB
Cámaras 13 / 5 Mpx 13 / 5 Mpx 5 / 5 Mpx 5 / 2 Mpx
Batería 2800 mAh 2500 mAh 2500 mAh 2100 mAh
Outros LTE, lector de pegadas dixitais, NFC LTE, NFC LTE LTE
Cores Negro, titán, ouro Prata, titán, ouro, azul escuro Negro, titán Negro

Como se pode ver na táboa anterior, o LG K10 é o máis avanzado, incluíndo lector de pegadas dixitais e NFC, maior capacidade de memoria e a posibilidade de traballar con tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade. O LG K8 vai un paso por detrás, aínda que conserva as prestacións do K10, especialmente na cámara, con modos que poden ser interesante para certos perfís de usuario, como o Auto Shot ou Gesture Shot para selfies. Ambos os dous veñen con Android 7.0 Nougat.

Os LG K4 e LG K3 son terminais moi básicos, unicamente útiles para usuarias co mesmo perfil: persoas que queiran ter un trebello alternativo para chamar, WhatsApp… e pouco máis. Neste caso, o sistema operativo de partida é Android 6.0 Marhmallow, polo que o máis probábel é que xa non se actualicen nunca.

LG Stylus 3

Por outro lado está o Stylus 3, a terceira versión deste modelo de gama media con lapis. A gran novidade desta nvoa versión é a mellora do stylus, con punta de fibra de 1,8 mm para afinar máis á hora de usalo como un bolígrafo sobre a pantalla.

Dispón dalgunha que outra funcionalidade extra para sacarlle partido a este lapis, como Pen pop 2.0, que nos permite ter as notas á vista cada vez que sacamos o stylus, Pen Keeper para alertar de que deixamos o lapis lonxe e Screen-off Memo, para tomar notas sobre a pantalla mesmo cando esta está apagada.

O Stylus 3 vén con pantalla de 5,7 polgadas HD (1280 x 720), procesador MediaTek MT6750 de oito núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna (+microSD até 2 TB) e batería de 3200 mAh. As cámaras son de 13 e 8 megapíxeles, leva LTE, lector de pegadas dixitais e como sistema operativo Android 7.0.

Dispoñibilidade e prezo

Todos estes novos trebellos están pensados para se anunciar durante o CES de Las Vegas, polo que até esa data non se coñecerán as datas da súa posta á venda nin o prezo.

Sobre o autor

No Responses

Reply