R sube de 15 a 24 céntimos os SMS en todas as tarifas a partir de hoxe

R estre hoxe a súa nova oferta comercial, con renovados combos e tarifas móbiles, como as novas plana 15 (200 minutos e 2 GB por 15 €/mes) ou a plana 18 (chamadas ilimitadas e 2 GB). Aínda que nalgúns produtos combinados e de Internet fixo temos algún prezo mellorado, no groso aplícase unha suba xeralizada en todo o resto da oferta móbil, de entre 1 € (plana 13, plana 23) e 2 € (plana 32), sen que isto supoña mellores condicións.

Porén, ademais deses cambios significativos da oferta móbil, tamén nos atopamos con outra desagradábel sorpresa. E é que os SMS suben até os 24 céntimos, desde os 15 que custaban na actualidade. Se ben é certo que a comunicación por SMS é cada vez máis residual, sorprende que a operadora galega faga esta suba, convertíndose nunha das operadoras que máis cobra por este tipo de mensaxería.

Comparando coa competencia, Yoigo cóbraos a 12,10 céntimos en todas as súas tarifas. Orange e Vodafone fano a 12 céntimos, aínda que Vodafone ofréceos de maneira gratuíta nas tarifas con chamadas ilimitadas. Pola súa banda, nas tarifas máis económicas de Movistar cóbranse os 20 primeiros SMS a 20 céntimos (o resto de balde), e nas máis caras xa están incluídos.

Se miramos os principais operadores virtuais, Másmóvil ofréceos a 9,68 céntimos e Simyo e Pepephone a 10,89 céntimos. Só Euskaltel tenos a 24 céntimos.

Nova oferta comercial ou Euskaltel marcando o ritmo?

Se botamos un ollo á web de R para ver as novas tarifas decaterémonos de que en realidade a nova oferta da operadora é unha galeguización da que xa tiña Euskaltel, actual dona de R, que historicamente tivo unhas tarifas menos competitivas.

  • A nova tarifa 0 1 GB de R (actualización da antiga tarifa 1, pagando 1 € máis para ter o dobre de datos e chamadas a 0 céntimos no canto de 1) e a tarifa 0 3 GB (que sube 1 € sen melloras) coincide coa oferta de Euskaltel de “tarifas Redonda”.
  • A nova oferta de tarifas planas de R (de 14, 18, 23, 34 €), resultado de crear unha nova tarifa e subir 1 ou 2 € o restode tarifas, tamén é agora calcada á de Euskaltel. A única diferenza neste punto está na nova tarifa de 15 € de R e na existencia dunha de 28 € na compañía vasca.

Malia insistir na galeguidade e certa independencia de R, mesmo tras o nomeamento do seu novo director xeral hai apenas uns días, o certo é que a operadora galega cada vez ten menos marxe de decisión e semella que Euskaltel é a que marca o ritmo.

Ademais, a man de Euskaltel fixo que todo o último ano estivese caracterizado por unha suba constante no prezo dos servizos, ás veces con pequenas melloras e outras non. En decembro do ano pasado, coincidindo co lanzamento da nova oferta comercial, subiron 1 € todos os combos e a tarifa 1, ademais do establecemento de chamada en móbil e os excesos de minutos nas tarifas planas. No mes de febreiro tocoulle ás tarifas planas máis económicas de móbil, as plana 12 e plana 20. Todos estes servizos volveron subir agora coa última actualización de tarifas.

Visto o visto, só nos queda agardar por que o 2017 traia algo de calma a R, e a ser posíbel unha rebaixa nos prezos, pois a política de suba constante non está a facer máis ca amolar ás usuarias da compañía. Serán quen?

Sobre o autor

Reply