Xiaomi lanza os novos Mi Notebook Air, agora con 4G

A escasos días de pormos punto e final ao 2016, o fabricante chinés Xiaomi proponse acabar ben o ano. E que mellor maneira de facelo que agasallándonos con novos dispositivos? En concreto trátase das dúas novas versións do seu portátil estrela, o Xiaomi Mi Notebook Air, que vén de ser actualizado para engadirlle conectividade 4G e, no caso do modelo máis potente, un novo procesador Intel i7.

O que non muda Xiaomi nestas novas versións é a súa aposta por uns dispositivos relativamente económicos para as súas características e por un coidado deseño, que ademais de resultar moi atractivo nos permite traballar comodamente en mobilidade. Un dos trebellos presentados vén con pantalla de 12,5 polgadas e o outro, máis potente, de 13,3.

Especificacións técnicas

Na seguinte táboa resumimos as principais características técnicas de ambos modelos.

Xiaomi Mi Notebook Air 12,5” Xiaomi Mi Notebook Air 13,5”
Pantalla Full HD de 12,5 ” Full HD de 13,5 ”
Procesador Intel Core M3 Intel Core i7 (3 GHz)
RAM 4 GB 8 GB
Memoria 128 GB + tarxetas 256 GB + expansión
Sistema Operativo Windows 10 Windows 10
Batería 11,5 horas 9,5 horas
Dimensións 1,07 kg – 12,9 mm grosor 1,28 kg – 14,8 mm grosor
Prezo ~ 650 € ~ 950 €
Outros Conectividade 4G Conectividade 4G

 

Internet móbil, un valor engadido.

Dado que os Mi Notebook Air son modelos deseñados para as persoas que traballan en mobilidade, Xiaomi decidiu implementar unha solución de conectividade a redes móbiles 4G. Isto materialízase nun acordo coa operadora China Mobile para ofrecer 48 GB de datos ao ano de Internet móbil, para poder traballar con estes ordenadores sen necesidade de contar cunha WiFi preto.

O que non se aclara é se os trebellos teñen un slot para tarxeta SIM, de maneira que por exemplo nós poderíamos poñerlle unha tarxeta dunha operadora española, ou se pola contra se trata dunha solución con e-SIM.

Dispoñibilidade e prezo

O modelo máis económico, de 12,5 polgadas, ronda os 650 euros, mentres que o máis potente, de 13,5 sube até os preto de 1000. Malia que son dispositivos orientados ao mercado chinés, poderemos facernos con eles a través das tendas que importan produtos da China, aínda que debemos ter en conta que o teclado non estará adaptado, e que seguramente a versión de Windows unicamente virá no idioma asiático.

Sobre o autor

Reply