Vodafone responde a R polas acusacións na caída da súa rede

Logo da caída  da rede móbil de R sufrida onte, que mantivo até primeira hora desta mañá a milleiros de usuarias sen servizo de voz nin datos, a operadora galega emitiu un comunicado acusando a Vodafone de ser a culpábel de dito problema.

En concreto, nun comunicado R acusou a Vodafone – empresa que empregaba como proveedor de rede até o cambio a Orange deste verán – de ter feito un envío masivo de mensaxes SMS a números de móbilR, o que, segundo R, tería causado o problema que desconectou á práctica totalidade da súa clientela.

R tamén anunciou ter informado ás autoridades competentes para que tomen cartas no asunto.

Resposta de Vodafone

A resposta de Vodafone non se fixo esperar. Nun comunicado a compañía rexeita as acusacións de R e lamenta ter sido sinalada como a causante do problema. Segundo apunta Vodafone, tras ter feito as análises técnicas pertinentes teñen “a firme convicción de que nada ten que ver con esa incidencia“, pois o número de SMS cursados desde a rede de Vodafone á de R non son significativos na xestión dunha rede co volume de clientes de R.

Vodafone acusa a R de ter feito unha acusación “inxustificada e irresponsábel” e convídanos a reconsiderar dita acusación e “retirala de  forma inmediata”.

Teremos que agardar uns días para ver como acaba este cruce de acusacións entre ambas compañías ou se hai un pronunciamento das autoridades de competencia. Polo menos, a esta hora todos os servizos de R están reestablecidos.

Sobre o autor

Reply