Nos primeiros anos deste blog, coincidindo cos primeiros pasos de Android como sistema operativo, as ROM estaban á orde do día. Estas versións modificadas de Android permitían ás usuarias dárlle outra vida aos seus dispositivos, engadindo novas funcionalidades, actualizando versións ou eliminando software preinstalado polos fabricantes. E nese mundo de desenvolvedoras de software e cociñeiras de ROMs, Cyanogen tivo un papel protagonista.
Porén, nos últimos dous anos os smartphones veñen cun software moito menos intrusivo e máis útil, que aproveita mellor o hardware do dispositivo, polo que as ROMs deixaron de ter tanta utilidade e están nun claro declive. Tanto, que deixaron de ser un bo negocio.
É o caso de Cyanogen. A compañía levou a cabo unha serie de despedimentos de persoal hai uns meses para poder continuar coa súa actividade, aínda que agora, a través dun comunicado, anuncia a fin dun ciclo co peche dos seus servizos a partir do próximo 31 de decembro.
No breve texto publicado na súa web, Cyanogen asegura que o proxecto open source e o código fonte seguirán dispoñíbeis para calquera que queira seguir construíndo CyanogenMod pola súa conta, seguindo co espírito que caracterizou á compañía desde que foi constituída como tal.
Descoñécese cal vai ser agora o futuro da empresa, mais xa hai voces que apuntan a que poderían adicarse ao desenvolvemento de aplicacións, onde non cabe dúbida que hai moito máis negocio en xogo.
http://www.androidpolice.com/2016/12/12/lineageos-seems-very-likely-to-be-cyanogenmods-new-name-at-least-for-now/
https://github.com/LineageOS